Pechamos o ano falando da importancia de empregar axeitadamente a linguaxe.

María introduciu o tema co vídeo da entrevista de Inaki Gabilondo a Rosa Díez, na que o emprego da palabra “gallego” pola entrevistada dá pé á diversidade de opinións. Unha parte do alumnado pensa que a utilización deste tipo de palabras é negativo e pode contribuír a manter estereotipos, mentres outros cren que non ten demasiada transcendencia e que importa máis o “como se diga” que a palabra en si. Despois do debate, tiveron que crear un gift para expresar o seu sentimento cara a utilización dese termo.

A continuación, María repartiulles textos de xornais nos que só se resaltaban algunhas palabras ou frases. O alumnado debía adiviñar de que trataba o texto. Do mesmo xeito, despois de examinar dous fotogramas de películas, debían dicir o tema da película e que facían os personaxes que aparecían neles.

Con estas actividades pretendíase fixar a atención na linguaxe dos medios. O tema dos xornais e dos fotogramas era o mesmo, as migracións. María pediulles que reflexionasen sobre os termos utilizados, máis propios de conflitos bélicos que dun problema humanitario. Termos que inflúen na nosa percepción da realidade e que promoven prexuízos e estereotipos contra outras culturas e, sobre todo,contra os migrantes.

Para pechar a sesión, o alumnado elaborou Memes para recordar aos medios de comunicación a importancia da linguaxe.

Grazas, María, desde o IES CAstro Alobre.