Linguaxe, memes e migracións

Xa co Nadal á volta da esquina, fixemos o terceiro obradoiro do EpDLAB no curso 2018-19. Neste obradoiro, chamado “A linguaxe importa: memes para chamar as cousas polo seu nome”, traballamos na análise dos recursos comunicativos que se utilizan para describir a nosa relación coas persoas migrantes. Traballamos con xornais, con fotografías de prensa, con mapas e coas palabras mesmas para reflexionar sobre a representación que fan os medios de comunicación desta realidade. Xogamos tamén con gifs e con memes, porque cremos que tamén son parte da linguaxe, son ferramentas do sistema comunicativo e son parte dunha narrativa que transmite valores, ideas, emocións, que ao final son soportes para representar a nosa relación co mundo que nos rodea. Nós queremos que o alumnado aprenda a usalos con responsabilidade e sentido crítico, coa mesma destreza coa que traballamos para unha boa ortografía, unha redacción correcta, unha adecuación entre rexistro e contexto… Estes formatos xa están na nosa realidade cotiá e neste obradoiro traballamos a habilidade de empregalos de xeito consciente e significativo, ao mesmo tempo que coñecemos o potencial da linguaxe entendida como unha mestura de imaxes, palabras, sons, deseño, maquetación…

Estamos felices cos resultados porque o alumnado dos 5 centros puido divertirse ao tempo que aprendeu a entender a comunicación como unha ferramenta de cambio social, de expresividade e de definir a nosa relación con outros colectivos. Se querédelo ver máis claro, dádelle play a este vídeo no que o explican perfectamente en 59 segundos:

Por | 2019-01-04T10:48:02+00:00 21 Decembro, 2018|Blog, Memes, Migracións|