Introduce Roi, nesta segunda sesión, un tema do máis interesante e candente. Reparte fotografías de imaxes publicitarias e pide ao alumnado que reflexione sobre as sensacións que lles transmiten. Enseguida emerxe o evidente. As mulleres aparecen descritas con adxectivos como “acosadas, destrozadas, vulnerables, débiles…” Os homes con actitude “desafiante, tranquila, elegante, feliz” e transmitindo “seguridade, fortaleza, poder.” Os pratos da balanza parecen inclinarse cara a positividade da apariencia masculina, mentres queda patente a debilidade da muller fronte o poder do home.
Estes estereotipos seguen a manterse nas cancións e nos fragmentos de series ou temas de libros que Roi lles achega. “Odio todo esto”, “Xa está o macho man fronte á muller obxecto” ou “As mulleres aparecen como complementos do home” son comentarios que parten, sobre todo, das alumnas. Entre estas voces soa unha opinión reiterada dun compañeiro, que ve como normal o tratamento que fan os medios da muller pois “só transmiten a imaxe que as mulleres e a sociedade quere ver”. Fundamenta a súa opinión en “estudos biolóxicos”. O sexo condiciona, o sexo determina.
Para finalizar a sesión, tiveron que facer unha dobraxe de denuncia do sexismo, utilizando a aplicación Madlipz.
Como resumo desta segunda sesión, quixera compartir unha reflexión. O debate foi intenso, diría incluso que moi intenso. Parabéns pola firmeza das alumnas e a súa reafirmación contra o sexismo. Pero, tamén parabéns a ese alumno que deu a súa opinión libre e “argumentada“. Opinión seguro que compartida por moitos outros alumnos , sobre todo, e que non son quen de facela pública.
Saquemos conclusións e sigamos a traballar. Aínda queda un longo camiño que percorrer.
Adiante EpDLab e, de novo, grazas Roi.