Hoxe comezamos a andaina no EpDLAB. Un proxecto novo, non para o instituto, pero si para nós.

Un grupiño de once alumnos e alumnas de 3º PMAR coñeceron a Roi e participaron nas tarefas que lles ía presentando. Faloulles de sexismo e roles de xénero nos medios. Tema moi interesante e necesario para a formación da nosa rapazada.

O alumnado comezou a traballar, primeiro, timidamente e, logo, con máis desenvoltura. Son uns rapaces e rapazas moi especiais, que aproveitarán moitísimo estes obradoiros.

Sexismo, machismo, identidade, roles de xénero… Palabras todas elas que invitan ao debate e á reflexión. E, para finalizar, o resumo da sesión nunha imaxe (coa App Phonto) e unha frase.

Desde a biblioteca escolar intentaremos promover esta actividade de cara ao 25 de novembro, ligándoa ao noso proxecto Bibliomedia: unha invitación á comunicación.

E, para rematar, quero compartir a frase dun alumno: “Debemos ver o mundo cunha mirada crítica”.

Grazas EpDLAB. Grazas Roi.