Cruzando o Océano. Así achegamos un pouco da realidade de El Salvador ás 5 escolas galegas participantes. Porque este verán, como todos os anos, estivemos en El Salvador. Desta volta, na Isla de Montecristo, unha comunidade moi pequena rodeada de manglar. Nesta escola, gravaron uns cantos vídeos amosando as aulas, o patio, pero tamén dimos un pequeno paseo pola comunidade: a tenda de chuches, o campo de fútbol, o río… todos este vídeos para manter unha correspondencia audiovisual entre ambos continentes.

A sesión formulámola coma un reto: canto sabedes de El Salvador? Por equipos tiñan que ir respondendo ás preguntas que lles lanzabamos, dende cuestións básicas de xeografía ata preguntas de carácter máis social. Foi interesante, nesta parte, ver como alumnas de diferentes centros que emigraran dende países veciños a El Salvador rían e axudaban a xogar co (des)coñecemento dos seus compañeiros.

Chegou o momento de ir decubrindo as respostas, algunhas a partir da nosa experiencia pero ás máis respondéronmas a partir do que ían vendo nas videocartas enviadas dende Montecristo: como son as aulas, a vexetación, que lles gusta facer, como é o seu día a día… Fomos descubrindo isto da man dos rapaces desta escola. É moi interesante ver como, ao ser rapaces como eles os que falan, se interesan polo que contan, chámalles a atención o semellantes que é todo e ao mesmo tempo o diferente que son algunhas cousas. E sérvennos ademais para falar da temáticas do último bloque: desigualdade e xustiza social.

Para rematar, o momento que máis desfrutan, gravar eles as súas respostas. Algunhas delas quedaron moi chulas e editáronas fora do horario escolar porque querían. Agardamos ser quen de facelas chegar ata Montecristo (se a conexión o permite) e ter novas respostas antes de que acabe o curso. Xa vos contaremos!