A sesión 5 serviu para poñer un punto e final. Pechamos o bloque de prexuízos raciais e culturais e a partir de agora abriremos un novo bloque. Pero antes queríamos traballar  un tema que levabamos tempo pensando: os prexuizos e o racismo contra colectivos que están moi cerca de nós, que viven con nós, que son parte da nosa realidade. Neste caso, falamos do pobo xitano.

Optamos por este tema porque anos anteriores detectamos un discurso aprendido, non sabemos ata que punto, adquirido, antirracista. Máis cando falabamos dos xitanos, “eses si que son todos uns…” poñede vós o adxectivo. Quizais, o cotiá da súa presenza e a convivencia con eles fan que estes prexuízos estean máis normalizados. Se a isto lle engadimos o tratamento habitual do pobo xitano nos medios de comunicación a combinación perfecta. Así que tocaba abordar o tema.

Aproveitamos varias campañas da Fundación Secretariado Gitano e servímonos delas para cuestionar a imaxe que temos da cultura xitana. Foi moi interesante comprobar como estas imaxes pexorativas non existían entre os máis pequenos pero si que comezaban a agromar (aínda que con certa vergonza) nos máis maiores. De novo, os prexuízos aparecen a partir dunha idade como unha construción social, polo que faise máis necesario introducir preguntas e cuestionar a raíz destas simplificacións a idades temperás.

Varios dos vídeos e da información que compartimos na aula impactoulles. Nunca se preguntaran cal e o número da poboación xitana en España, ou a que se adican. Ou a gran pregunta: por que  nas escolas non aprendemos nada da cultura xitana e si de outras moitas culturas e civilizacións? Como se cuestionaba a FSG nunha campaña de hai uns anos.

Despois de facer diferentes actividades, falar, ver vídeos, compartir e sorprenderse, chegou o momento de poñer todas esas reflexións en forma de textos animados. Invitámosvos a dar un paseo pola galería. Nós, se tiveramos que quedarnos con unha sería: Un mundo inclusivo só se consegue loitando!