As veces esquecemos que a linguaxe que empregamos importa. Ten connotacións ou prexuízos que consolidan estereotipos sobre outras culturas ou colectivos. O obxecto do obradoiro 4 era o de visibilizar isto, pararnos a pensar durante un par de horas de que maneira a sociedade e os medios constrúen relatos, as veces discriminatorios, contra aquel que é diferente. Uns relatos que moitas veces funcionan para xerar un inimigo común incluso a costa dos máis vulnerables.
Para iso, nada mellor que comezar falando de nós mesmos ou mellor, escoitar o que din de nós. “Gallego en el sentido más peyorativo del término” pronunciado por unha persoeira durante unha entrevista en TV foi suficiente para comezar coa vinculación emocional: que credes que quere dicir? Como vos fai sentir? Despois, demos un paso máis e tocou cuestionar se podemos definir a todas as persoas dun lugar ou cultura. Somos todos iguais? Sodes todos iguais nesta aula? Partindo desta reflexión e consensuando que nin tan sequera na aula eramos todos iguais é xa máis fácil comezar a mirar cara fóra.
Lemos noticias que falaban de inmigrantes, ilegais, subsaharianos, sin papeles, … de todo menos de persoas (o_O) Tamén nos paramos a ver as fotos que acompañaban estas noticias: son aleatorias ou buscan un efecto determinado? Que sensacións transmiten? Porque de sensacións e de sensacionalismo tamén falamos. Da labor xornalística e dos relatos dominantes. Porque se non nos gusta que nos etiqueten a todos os galegos no sentido máis pexorativo, non deberiamos facer nós o mesmo.
E como non todo vai ser falar e analizar, toca tomar a acción e construír. Respondemos en forma de gif ao que nos dixeron pero sobre todo, denunciamos en forma de meme aquelo que queremos cambiar.