A terceira sesión serviu de peche do primeiro bloque de contidos do proxecto, no que traballamos sobre igualdade e inclusión social. Ademais queriamos que este bloque servira de ponte co seguinte, no que imos traballar ao redor da interculturalidade. Por iso, un dos eixos centrais da actividade foi falar de obxectividade e subxectividade; porque ser conscientes de que sempre observamos o mundo dende o noso punto de vista é un primeiro paso para cambiar a nosa mirada e comezar a mudar a nosa contorna.
Comezamos cuestionando o que é verdade ou mentira e que códigos dos medios de comunicación serven para facer pasar unha noticia por verdadeira ou falsa. Un xogo que hai hai anos que practicamos neste proxecto e que sempre da moi bos resultados.
Pasamos despois a ver se unha mesma realidade pode ser contada de diferentes maneiras, de tal forma que termine sendo unha realidade diferente. Empregamos para iso 4 portadas de xornais nacionais do mesmo día pero que, pese a falar da mesma realidade, parecían querer reflectir opinións moi diferentes.
- Crees que hai unha intención detrás destes titulares?
- Pois claro! Queren que penses dunha maneira ou doutra.
Esta foi a resposta que unha compañeira deu a pregunta doutra durante o exercício. Nunha clase de 2º de ESO, algúns xa teñen claro que a prensa non sempre se comporta adecuadamente. Esta conversa na que falaron sobre o interese por crear unha opinión determinada por parte dos medios foi perfecta para pasar ao seguinte punto: os bulos e como estes, tanto en medios como nas redes, non son nada inocentes senón que habitualmente agochan a intención de crear unha opinión, como o caso desta fotografía da que varios medios de comunicación se fixeron eco sinalando a suposta despreocupación da muller da foto acompañándoa de hashtags islamófobos.
Porque o odio, a xenofobia, ou o racismo son construcións socias. E como tales, a sociedade ten a capacidade tanto de crealos como de deconstruilos. Por iso acabamos a sesión deconstruido bulos. Para iso contamos cos materiais de http://stoprumores.com/ Un proxecto de Andalucía Acoge que no apartado de recursos ten infografías, datos, vídeos e demais materiais que serven para desmontar algúns dos rumores máis estendidos en relación ás persoas migrantes.
Démoslles a cada grupo na aula a tarefa de comprobar se algúns dos mitos como “os inmigrantes so traen delincuencia” ou que “os inmigrantes reciben mais axudas socias que os de aquí” tiñan unha base real ou eran rumores. Coas súas conclusións tiñan que facer un pequenos vídeo. Os resultados, coma sempre, na nosa canle de Youtube.