O pasado luns 27 de novembro Roi fixo a súa segunda visita ao IES Castro Alobre para seguir a falar sobre os roles de xénero. Xa na primeira sesión o noso alumnado afirmou con rotundidade que todos e todas somos iguais, que nos podemos adicar aos mesmos traballos e afecións, ter os mesmos dereitos e responsabilidades… Aínda que logo de traballar un anaco con Roi eles e elas mesmos se deron de conta de que hai certas actitudes ou prexuízos que temos moi interiorizados e queremos cambiar.

Nesta sesión foi a quenda da publicidade e dos medios de comunicación en xeral. Canto material de traballo nos proporcionan, tristemente! Comezamos cunha análise de varias campañas gráficas de moda, o alumnado tivo que analizar a postura, xestualidade, etc, dos e das modelos das fotografías e as conclusións foron claras: eles transmiten seguridade en si mesmos, fortaleza, atractivo… mentres que elas semellan débiles, descontentas, pouco naturais…

 

Logo debatimos sobre as entrevistas e artigos centrados en mulleres salientables en numerosos eidos: actrices, cantantes, deportistas, escritoras…. e sobre as tan manidas cuestións sobre cousas totalmente irrevelantes: a maternidade, o seu aspecto físico, os seus gustos sexuais… Fánselles as mesmas preguntas aos homes en idénticas circunstancias?

A verdade é que a sesión deu moito de si, e serviunos para espertar o noso espírito crítico e mirar os xornais, revistas, televisión, etc., con outra ollada a partires de agora mesmo.

Para rematar, os alumnos e alumnas pasaron un rato ben divertido gravando as súas dobraxes coa aplicación móbil Madlipz. Podedes desfrutar das súas creacións na web do proxecto.

Estamos agardando a próxima visita do EpDLab. Que máis aprenderemos con eles?