Alb L. e María A. O pasado 22 de Novembro de 2017 o alumnado de 1º de bacharelato tivemos a segunda sesión co proxecto EpDLab. O tema que tratamos foi o sexismo e os roles de xénero nos medios.
Para comezar coa actividade, comentamos na clase que era o concepto de sexismo. Podemos definir sexismo como “unha actitude discriminatoria que infravalora as persoas do sexo oposto ou fai distinción das persoas segundo o sexo”. Para demostrarnos que hoxe en día hai moitos medios de comunicación que utilizan mensaxes sexistas, realizamos unha actividade en pequenos grupos, onde tiñamos que sacar conclusións acerca dunhas imaxes na que se encontraban unha serie de modelos, tanto homes como mulleres. Tras comentar e debater todas as conclusións na clase, a que máis nos chamou a atención foi a seguinte: A gran diferenza de vestimenta entre homes e mulleres. É dicir, na maioría das imaxes, as mulleres aparecen case espidas, mentres que os homes, sempre aparecen elegantes, con un delicado traxe.


Continuando coa actividade, vimos un vídeo sobre un presentador dun programa de televisión, onde se mostra que varias veces fai comentarios sexistas ás mulleres  que está entrevistando. Dende o noso punto de vista, a finalidade de ensinarnos o vídeo foi darnos a coñecer a realidade, é dicir, mostrarnos que moitas veces, sen darnos conta, estamos escoitando mensaxes sexistas.


Para rematar, e facer a sesión máis levadeira, realizamos unha última actividade que consistía en dobrar anacos de películas coa app MadLipz, deixando unha mensaxe contra o sexismo e os roles de xénero, pero con un toque de humor.

Máis sobre a sesión no twiter @choupindixital@epdlabviana en instagram epdlabviana
e Facebook http://facebook.com/ochoupin