Con moitas ganas de experimentar, retomamos este curso o proxecto EpDLab no IES Milladoiro.
Hoxe foi Roi o condutor da nosa actividade; explicou cal é o obxectivo do curso, que centros participan este ano e como pensan traballar. O alumnado de 2º ESO B cubriu un cuestionario inicial sobre os temas e as ferramentas que van empregar. Logo, pasaron xa á tarefa: unha reflexión sobre identidade de xénero que espertou moito interese.
Os estereotipos e os roles asociados a homes e mulleres foron saíndo nunha actividade de grupo que lles fixo considerar a convencionalidade de moitas asociacións. Tamén foi moi interesante ver as reaccións de sorpresa e rexeitamento que provocaron algúns titulares sexistas, mostrados por Roi, sobre algunhas mulleres deportistas que, pese aos seus méritos, acadados con esforzo e perseveranza, son xulgadas por cousas que nada teñen que ver cos seus logros.
Grazas as actividades realizadas ao longo da sesión, a primeira xornada do obradoiro concluíu co noso alumnado plasmando as súas reflexións en fotos con mensaxes para concienciar á sociedade contra o sexismo e os estereotipos.