Tras coñecer mellor que é o Protocolo de Kyoto e as Cumbres Mundiais do Clima, decidimos ver cal é o noso nivel de responsabilidade con respecto ao cambio climático. Usando a ferramenta da Fundación Reciduca, vimos que temos máis da que pensamos… Cada decisión que tomamos, supón un alto prezo para o planeta: é a nosa pegada ecolóxica. Podemos reducila cambiando algúns dos nosos hábitos de vida, o cal temos moi claro nos 5 centros que participan no #EpDLAB. Pero mentras que sabemos como facelo reciclando os residuos ou reducindo a emisión de gases de transporte, non sabíamos como afecta ao medio ambiente a nosa forma de consumir enerxía, auga ou alimentos. Si, porque os alimentos son un dos factores máis importantes, o que levounos a falar de consumo de proximidade, produtos frescos ou trazabilidade.

Pero sobre alimentación, xa falaremos máis adiante. Polo de agora, collimos as nosas ideas e recorrimos ás producións baixo licenza Creative Commons do Youtube Editor para facer remixes que axuden a concienciar e a reflexionar sobre o futuro que estamos a construír no noso planeta. As producións culturais, como os recursos naturais, son bens comúns que deben estar dispoñibles para toda a comunidade, por iso usamos as imaxes compartidas para reinterpretar a nosa realidade e darlles un novo significado.