As imaxes que vimos mostráronnos que esta arcaica asociación está interiorizada por todos nós e só cando nos paramos a comparar as imaxes publicitarias quedamos sorprendidos polos roles tradicionais que, aínda hoxe, se atopan detrás de cada xénero e que criamos que na sociedade na que vivimos estarían xa rexeitados. Fumos tamén conscientes a través das preguntas que nos facían que aquí se atopa o xérmolo dunha das maiores traxedias do noso tempo, a violencia de xénero.

Na última parte, continuamos desmontando roles de xénero pero dun xeito máis activo: os alumnos utilizaron a ferramenta Lipp para dobrar fragmentos de cine nos que tiñamos que corrixir as actitudes sexistas que neles se mostraban por outras de maior igualdade e equidade entre sexos e que esperemos sexan as que se acaben impoñendo na nosa sociedade grazas a iniciativas e actividades como as que sempre nos propoñen María e Roi.