A sesión nomeábase “Vines contra o Racismo”, e por iso comezamos falando das súas raíces e manifestacións máis evidentes como é a xenofobia. Servímonos dunha curta de Pixar chamada “For the Birds”, na que en tres minutos sintetízanse as atitudes que reflicten o racismo: a sorpresa perante o estranxeiro que logo se torna en burla, en rexeitamento ou incluso en hostilidade e agresións. Tamén falamos de como o feito de ter un inimigo común, aquel que é diferente, utilízase para reforzar os grupos maioritarios e cohesionar ese grupo. Foi moi interesante ver como
en todos os institutos as conclusións eran moi semellantes, e como coincidían en ter visto atitudes racistas na súa contorna en diferentes situacións. Tamén as identificaron nos medios, moitas veces responsables de sinalar e estigmatizar ás minorías tomando á parte polo todo. Pasamos entón a abrir o racismo a outros tipos de discriminación equivalentes ben sexa pola condición sexual, xénero, relixión, etc.
Despois desta reflexión pasamos á segunda parte: o cine como ilusión. Xa que o cine ou os vídeos que fan no seus móbiles non son máis que iso: un truco, un feixe de imaxes fixas que pasadas a toda velocidade simulan o movemento. E aquí aparece o Vine. Acordádevos do nome da sesión? Vine é unha rede social na que os vídeos teñen un máximo de 6’5 segundos. O que pode parecer unha limitación, para @s rapac@s converteuse nun reto, nunha motivación, nun xogo ao que enseguida lle deron voltas e enganchoulles para o obxectivo da sesión, o último punto.
Falamos de que técnicas artesanais podemos empregar para enganar á vista: os xogos coa perspectiva, a técnica do Stop Motion, os trucos de maxia barata e pedímoslles que fixeran “Vines contra o Racismo”, podían ser trucos de maxia barata, parodias, denuncias o que se lles ocorrera. Tamén démoslles marxe para que falaran do racismo dunha forma amplia, como discriminación ás minorías. Polo que podíamos falar tamén da homofobia ou o machismo, por exemplo. As ideas non tardaron en agromar e en media hora fixeron cousas como estas.
PD: Dádelle volume aos vídeos pulsando arriba a esquerda da imaxe!