EpdLab 2oObradoiro Xa rematou Novembro e, con el, rematamos o segundo obradoiro do EpDLab. Esta vez, traballamos sobre “A realidade, a ficción e a non ficción: o falso documental”. O obxectivo xeral desta sesión é reflexionar sobre a obxectividade e a subxectividade na información, así como coñecer os recursos utilizados polos medios de comunicación para aportar veracidade ás historias que publican.

Para comezar, fixemos un xogo: dividímonos en grupos e cada un traballou con catro noticias, tíñamos que adiviñar cales delas eran reais e cales eran falsas. Non houbo ningún grupo que as acertara todas, xa que a utilización dos recursos propios da prensa (citas textuais, titulares, referencias a institucións, datos…) fixéronnos equivocarnos á hora de decidirnos sobre a súa veracidade. Aprendemos entón que pódense utilizar os recursos narrativos e gráficos para facer que un feito ficticio pareza unha realidade. 

Despois, nos mesmos grupos, cada un tiña unha portada dun periódico distinto, no que miramos información sobre a última folga xeral en España segundo El País, El Mundo, La Razón y Público. Cando chegou o momento de debater se a folga foi un éxito ou un fracaso, se a xente participou ou non, se houbo violencia ou foi tranquila, era imposible sabelo a ciencia certa porque en cada portada había un relato distinto. No único que conseguimos estar de acordo foi en houbo unha folga xeral en España.

Con isto, a nosa intención era seguir traballando na idea de que as mensaxes sempre están escritas dende un punto de vista subxectivo, porque é imposible non deixar a nosa pegada na construción dun relato. As noticias tamén son relatos, e tamén cóntanse dende a subxectividade, co que tendemos a informar dende a perspectiva do colectivo maioritario:

  • Logo a realidade explicada polos medios e, polo tanto, a que nós chegamos a coñecer, está contada dende un só punto de vista que non inclúe a experiencia de colectivos máis pequenos, que aparecen representados dende fora.EpdLab 2oObradoiro 2
  • A linguaxe importa, como vimos no primeiro obradoiro. A hexemonía da cultura occidental-europea nos axentes de información fai que a veracidade das mensaxes veña asociada aos relatos culturais dun único colectivo social.

Para traballar isto dun xeito práctico, recorremos á técnica do Falso Documental, amosando exemplos como “A guerra dos mundos” de Orson Welles e “Payo Today”, da Fundación Secretariado Gitano. Unha vez vistos estes exemplos, as rapazas e rapaces do EpDLab construíron os seus falsos telexornais, coa finalidade de denunciar e visibilizar as desigualdades sociais observadas no tratamento da realidade por parte dos medios. Nós utilizamos estes telexornais para amosar o noso rexeito a estas desigualdades, así como para reivindicar a igualdade e a xustiza social na información xornalística.