Con este primeiro obradoiro queríamos enfocar a nosa atención sobre o noso xeito de usar a linguaxe a partir dos prexuízos. Sen dúbida, nomear as cousas é manifestar como é a nosa relación con ela, o feito de escoller unha palabra e non outra é unha acción relevante e significativa. A linguaxe importa, porque debido a estas connotacións asociadas a ela, podemos levantar o ánimo, causar tristeza, provocar unha gargallada o despertar a indignación.
A primeira actividade arrancou cun vídeo no que unha política utilizaba a palabra “galego” cun sentido pexorativo. Espertou sorpresa, indignación e unhas cantas cousas máis que podedes ver nestes gifs.
Logo deixamos os ordenadores en repouso e traballamos con noticias extraídas de xornais nacionais, e os textos amosaban só algunhas palabras, estando a maior parte do texto borroso. O xogo consistía en adiviñar que era o que contaban esas noticias. Os termos que podíanse ler moveron o debate: unha guerra, unha catástrofe, unha persecución… Con todo, a maioría das rapazas e dos rapaces foron quen de recoñecer o tema só mirando unhas cantas palabras: a valla de Melilla. Aínda que houbo grupos que falaron de migración ou de refuxiados, esta actividade deunos un “zas” ben claro: pensábamos que a rapazada non se decataba de nada, que non estaban ao tanto da actualidade e que non lles prestaba moito o feito de ler xornais. Pois só lles bastou a punta do iceberg para ver o bloque enteiro 😉
Tamén fixemos unha práctica adaptada de este traballo da Red Acoge. Foi ben útil para recoñecer a naturalidade coa que unha linguaxe discriminatoria está completamente normalizada no noso día a día.
Finalmente, pedímoslles que crearan memes para transmitir as súas conclusións. Eliximos traballar con formatos narrativos moi usados nas redes sociais, porque pensamos que teñen unha gran forza para comunicar e transmitir sentimentos. Ademais, a maioría son imaxes de personaxes famosos ou de pelis coñecidas, ou simplemente son imaxes populares porque moita xente decidiu usalas sen máis finalidade que a de contar algo. Sexa como sexa, tanto as imaxes usadas nos gifs como as dos memes son xa parte da cultura colectiva da nosa época, e é importante coñecer o código de comunicación da época na que vivimos. É aínda mellor apropiarse do código para crear contidos propios, que sexan parte dunha cultura colectiva baseada no respecto e na xustiza social. Mirade o que fixeron nas aulas e compartide, que para iso o facemos 😉