Para presentar os centros participantes, comezamos mirando algúns dos proxectos desenvolvidos neles, porquenon hai mellor forma de presentarse que poñendo o noso traballo sobre a mesa. A motivación do grupo é o punto de partida: descubrimos que os centros educativos galegos están cheos de creatividade e accións innovadoras.
Durante toda a tarde, houbo un protagonista indiscutible: o alumnado. Foi o centro de todas as conversas e o motor do noso traballo. Despois de pactar o noso calendario e de coñecer o funcionamento da web, comezamos a definir o proxecto mentres reflexionamos sobre que motiva ao noso alumnado e que non lle gusta, como é a convivencia no centro e como é a súa percepción da realidade social na que viven. A reflexión colectiva é dinámica, convértese nun faladoiro no que saltamos do fútbol á horta ecolóxica, dos smartphones aos tractores, do parkour ao pseudoterror… Mentres escribimos nos post-it, imos trazando o bosquexo dun proxecto no que traballarán xuntas escolas de costa con escolas de interior, centros con 800 alumnas e alumnos con outro que contan con menos de 40, as da fronteira con Portugal coas da capital.
En canto ás nosas conclusións, somos conscientes de que vivimos nun contexto no que os medios de comunicación son ferramentas de construción de valores, de educación e de relacións persoais, así como que é moi difícil separar esta contorna mediática da social (familia, amigas e amigos) e da escolar. Ademais, isto non ocorre só entre a xente que ten entre 12 e 16 anos, senón que a nosa realidade adulta parece funcionar do mesmo xeito. Os prexuízos e distancia coas que percibimos outras culturas ou colectivos sociais, a brevidade das informacións e a súa falta de contexto, o “bombardeo” de mensaxes diversas que non deixan tempo para reflexionar, a construción do xénero e as estrutura que manteñen as relacións desiguais… Cara a isto, hoxe vimos unha diferencia importante: o espazo público onde os grupos de persoas xúntanse e as persoas constrúen a súa realidade colectiva, foi substituído por un espazo individual onde consumimos sen ter tempo de reflexionar.
Por outro lado, sabemos que as rapazas e os rapaces contan cunhas habilidades creativas capaces darlle á volta a isto. Da imitación do cine que ven á creación de videotutoriais sobre videoxogos, a súa condición de “nativas e nativos dixitais” aportalles unha forza tan imaxinativa como produtiva. Teñen moi claras as súas ideas e as mensaxes sobre xustiza social, igualdade e sustentabilidade ecolóxica chéganlles de xeito natural, pero non sempre é así cando estas ideas e mensaxes atópanse co día a día.
No EpDLab queremos traballar neste punto, queremos impulsar as fortalezas para elaborar unha mensaxe colectiva, persoal e diversa ao mesmo tempo. Queremos facer unha reflexión acerca das desigualdades dende unha perspectiva mediática e queremos trasladar as nosas ideas e mensaxes a un espazo público, onde contribúan á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.